jueves, 27 de junio de 2013

Entrevistamos a Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE)

Hoxe entrevistamos a Manuel Bragado Rodríguez, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), que fai balance dos anos que leva traballando á fronte da entidade e nos fala, entre outros interesantes temas, dos retos aos que se enfrontan os editores, do libro dixital e da súa actividade como blogueiro.
 
 
-¿Qué balance fai destes tres anos á fronte da Asociación Galega de Editores?
O sector editorial en Galicia, dende o 2008, ano no que acadou as súas maiores marcas de edición e facturación, sofre un retroceso no mercado interior. Situación explicable tanto polos efectos da crise económica, que se cebou sobre o mercado minorista, onde se encadra o sector libreiro, como polo comezo do tránsito cara o paradigma da comunicación editorial dixital. Feitos ao que tampouco foi allea a diminución das políticas públicas de lectura, sobre todo no que atinxe ás adquisicións de novidades editoriais para as bibliotecas públicas. Os membros da Asociación Galega de Editores prentedimos enfrontar esta situación adversa reforzando a nosa estratexia sectorial fronte as administracións públicas, como promovendo programas de formación e innovación nas nosas empresas e no conxunto do sector. Sen esquecer a necesidade da promoción do mercado exterior para o libro editado en Galicia, actividade que por fortuna foise incrementando neste período.
 
-¿Cales son os retos aos que se enfrontan na actualidade os editores galegos?
Os retos foron sinalados no documento estratéxico aprobado pola Asociación Galega de Editores a pasada primavera: reforzamento das políticas públicas de lectura, apoio aos plans de innovación e formación das empresas no entorno da dixitalización e proxección no mundo para a edición, lingua e literatura galegas. Retos aos que habería que engadir, na miña opinión, o apoio ao sector da libraría e ás feiras do libro, así como o respecto á propiedade intelectual, con atención especial no eido educativo.
 
-No panorama de crise global no eido da comercialización que se está a vivir no sector do libro, ¿en qué situación se atopa o libro galego?
O sector do libro galego é moi dependente da edición comercializada na canle escolar e paraescolar, sexa a de libro de texto, dicionarios e literatura infantil e xuvenil. Esta dependencia transfórmase en fraxilidade na actual crise de recisión, xa que esta canle depende do poder adquisitivo das familias. No resto das tipoloxías de edición, sobre todo na literaria e de referencia, dependemos dunha rede de librarías cada vez máis reducido. Hai xéneros, como a poesía, teatro ou ensaio, dos que dificilmente poden colocarse un cento de exemplares no conxunto das mesas de novidades galegas. Temos, pois, tamén, un problema de visibilidade da nosa oferta editorial.
 
-Semella que o libro dixital ten ata o momento un papel secundario na edición galega, ¿cree que se debe facer máis por impulsalo?
Na edición dixital non temos singularidade ningunha. Arrastramos idénticos problemas aos do conxunto do sector editorial español, que non son outros que os de carecer de canles atractivas de comercialización e distribución do contido dixital. Amazon e Apple contan de facto xa coa maior cota do mercado do libro electrónico galego e en galego. Debemos facer un esforzo compartido de maior de promoción e visibilidade dos nosos produtos dixitais. A Asoicación Galega de Editores pretende contribuír nesa tarefa compartida.
 
-¿Considera que as Administracións Públicas deberían facer máis polo impulso da lectura e do sector do libro?
As diversas administracións públicas (dende o Goberno de España, a Xunta, ate ás administracións locais) teñen competencias nas políticas de lectura. A crise económica e as políticas de consolidación fiscal non poden ser utilizadas para eximilas desta responsabilidade. Creo que promover unha rede bibliotecaria de calidade, ben dotada e actualizada de fondos de diverso tipo, como de persoal que traballe no eido da mediación, é unha tarefa principal das administracións públicas.
 
-¿Qué balance fai da actividade do Outlet do Libro Galego, tanto dende o punto de vista dos editores como do público?
A xeira desta primavera do Outlet do Libro Galego amosouse como un modelo de éxito, tanto polas cifras de facturación como pola distribución de máis de 20.000 exemplares de títulos que conseguiron unha segunda oportunidade. A valoración dende a directiva da AGE foi positiva e a nosa intención é promover unha segunda xeira durante os vindeiros meses de outubro e novembro, coa súa presenza en cidades como Vigo, A Coruña e Ferrol. Agardamos poder concretar o calendario nas vindeiras semanas.
 
-Ten vostede una activa presencia en redes sociais ¿qué beneficios lle reporta?
Participo en Twitter e, en menos medida, en Facebook. Concibo Twitter coma unha rede informativa, útil para o editor para compartir enlaces e focalizar o interese sobre convocatorias, publicación de novidades, críticas ou opinións do lectorado. En Facebook, a pesar de atopar moito máis ruído, por tratarse dunha rede de lecer, hai posibilidades para expresar opinións máis razoadas, para presentar as novidades ou para compartir convocatorias. Estamos comezando a explorar outras redes como Pinterest, que me parece moi interesante para algunhas tipoloxías de edición, como as do libro infantil e o visual. As redes sociais son recursos de comunicación magníficos para que cada editor poida manter o fío permanentemente aberto co seu lectorado e co conxunto da sociedade. A edición é unha conversa e estes recursos son grandes facilitadores para ela.

-Tamén desempeña unha intensa tarea como blogger a través de Brétemas. Notas do traballo de edición, que foi premiado en reiteradas ocasións, ¿con qué obxectivo naceu esta bitácora?
O blog de Brétemas naceu hai nove anos coa intención de explorar as posibilidades das utilidades hipertextuais. Para min constituíu, e sígueo sendo, unha ferramenta primeira de aprendizaxe neste proceso de tránsito entre o paradigma da comunicación cultural analóxico e a dixital. Cando comecei nin sequera sabía como se realizaba un enlace hipertextual, axiña comprendín que estas novas posibilidades técnicas eran tamén novas posibilidades creativas. Neste proceso de aprendizaxe permanente e no esforzo por modular día a día unha voz autoral sen estridencia pretendo continuar teimando. Brétemas deume moitas satisfaccións e unha comunidade de lectores e lectoras coa que me sinto moi agarimado.
 
Agradecemos a Manuel Bragado a súa colaboración.

3 comentarios:

Pilar dijo...

Muy interesante la entrevista. Felicidades a Ideaspropias y a Manuel Bragado!!!!!

Valentina dijo...

Moi interesante a entrevista a Manuel Bragado. Noraboa!

Voz en off dijo...

Hai que coidar e mima-la edición en galego evitando que se pirateen edicións na internet e cos e-books